Quenes sómos

CUAC FM: A nosa orixe e identidade
Desde 1995, o Colectivo de Universitarios Activos (CUAC) impulsa proxectos culturais e comunicativos coa cidadanía no centro. Nacemos no ámbito universitario, pero co paso dos anos abrimos as portas a toda a comunidade, sen distincións nin barreiras. A nosa vocación é clara: crear espazos de liberdade, expresión e participación real.
Somos unha asociación sen ánimo de lucro que defende o acceso igualitario aos medios de comunicación como ferramenta de transformación social. Apostamos pola horizontalidade, a colaboración entre persoas e entidades, e o compromiso activo coa contorna.
Así naceu CUAC FM, a nosa emisora comunitaria: un proxecto colectivo, independente e aberto, que dá voz a quen non a ten. Un lugar onde calquera persoa ou colectivo pode desenvolver e compartir o seu proxecto radiofónico, cultural ou social.
Unha radio feita para a xente pola xente
CUAC FM é unha emisora comunitaria que funciona sen publicidade e sen intereses alleos. A súa programación reflite o que somos: diversidade, compromiso e liberdade de expresión.
Non hai xefes. Non hai censura. Só unha asemblea aberta, grupos de traballo e moita ilusión. Aquí todo se decide entre quen forma parte: colectivos, persoas e proxectos que fan da radio un verdadeiro espazo cidadán.


365 días de radio feita por ti
Emitimos desde 1996, sen pausas. 103.4 FM e streaming continuo as 24h. Máis de 430 programas creados e máis de 1.000 persoas pasaron polos nosos micrófonos.
En CUAC FM nunca se rexeitou unha proposta. Se tes unha idea, aquí tes o teu sitio. O micrófono está aberto para ti.
Dar voz a quen non a ten
Os fins de CUAC -tal e como recollen os nosos estatutos- están relacionados coa creación, promoción e execución de todo tipo de actividades culturais, artísticas e recreativas, e en especial aquelas que garden relación cos medios de comunicación.
A nosa misión é desenvolver e defender os dereitos á liberdade de expresión, o libre acceso á información e o dereito da cidadanía á acceder aos medios de comunicación.
CUAC ríxese pola Lei de Asociacións e, como toda asociación, contamos cunha Xunta Directiva que se elixe cada dous anos. As decisións adóptanse nas asambleas de socios e socias que celebramos durante o ano. A nosa estructura de coordinación permanente é o Consello de Coordinación, conformado polas socias e socios que integran, de maneira voluntaria, das 5 coordinadoras que se encargan de que todo funcione.

Cuac traballa na rede

A Asociación Mundial de Radios Comunitarias é a referencia global das radios cidadás e populares. Promove a liberdade de expresión e a democratización da comunicación a nivel internacional.

A Rede de Medios Comunitarios agrupa e defende proxectos de comunicación cidadá en España. Coordina iniciativas sen ánimo de lucro dentro do Terceiro Sector da Comunicación.