CUAC reelixe Xunta Directiva e anuncia CUAC TV nunha asemblea histórica

A Coruña ten un xoguete no Campus da Zapateira dende o 27 de marzo de 1996. Calquera persoa, de calquera idade que queira xogar a facer un progarma de radio, tanto na locución como na parte técnica, pode probar a experiencia en CUAC FM 103.4, a Radio Comunitaria da Coruña.

Nestes 29 anos de vida teñen pasado polos micros da radio do pato profesionais da comunicación como Teba Chacón, agora en Radio Coruña ou Fernando Molezún de Radio Voz, Noelia Díaz de El Ideal Gallego, María Nieto. Tamén os populares Zapping, Antón Lezcano e Txuri Ferrer, que pasaron por Tvs como La 2 ou Antena 3, comezaron a súa experiencia na radio do Campus da Zapateira. Noutras facetas podemos destacar a Lucía Veiga, actriz, Estíbaliz Espinosa, escritora e divulgadora, Silvia Penide e César de Centi cantantes, Fito Ferreiro concelleiro da cidade ou Manel Cráneo, director de Viñetas do Atlántico. Así poderíamos citar a moita máis xente que probou a experiencia de facer radio por pracer e que a día de hoxe lembra aquela etapa con moito agarimo. E nunca descartan regresar ás ondas.

Este sábado 22 a asociación que lle da nome, o Colectivo de Universitarios Activos, celebrou unha importante asemblea na que se renovou a Xunta Directiva e se aprobaron unha serie de proxectos que marcarán o rumbo do proxecto no futuro próximo.

Paula Alonso será a presidenta, actualmente tamén colaboradora en Radio Coruña, e máxima responsable da implantación de CUAC TV, un ambicioso proxecto que permite emitir simultáneamente en vídeo de alta calidade e con realización de catro cámaras, polo de agora no Estudio Rafaela Hervada e pronto tamén no estudio José Couso.

As subvencións da Deputación da Coruña para asociacións sen ánimo de lucro están permitindo dende fai anos unha serie de investimentos que fan posible que esta radio sen ánimo de lucro e realizada ao cen por cen por voluntariado poda innovar de xeito continuado. Tamén recibe apoios por parte do Concello da Coruña e da Universidade, propietaria das instalacións nas que se ubica a radio.

A súa escola de radio está continuamente formando a xente que desexa facer programas con temáticas do máis variado, como a propia sociedade. Dende Cultura Galega, a rallies, dende psicoloxía a música, pasando por humor (Vellenials é o programa máis escoitado da emisora, o programa de humor para a xente que non ten aldea) e tamén saúde mental, feminismo, dereitos humanos. Son xa 495 programas diferentes dende que a emisora comezou en 1996, inauguración que está dispoñible en Youtube grazas a unha reportaxe da TVG.

Tamén nos vindeiros días estará visible en Youtube a versión con subtítulos en inglés do documental de Iago Prada «Nada que ver» sobre os primeiros 25 anos da emisora. E haberá unha renovación visual da páxina web oficial cuacfm.org

Esta semana está previsto que quede convocado a 27ª Edición do concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM con máis de 4500 euros en premios.

Dende CUAC FM ofrecen a posibilidade de formarse a sumarse ao proxecto escribindo a comunicacion@cuacfm.org. Tamén calquera negocio da cidade pode ser mecenas por só 40 euros ao ano. 

Compartir