Preguntas frecuentes
Se non localizas aquí o que buscas, escribe un correo a comunicacion@cuacfm.org ou chama ao 981 14 00 45 (de luns a venres de 9:30 a 13:30 e de 17 a 20 horas).
Como podo contactar con Cuac FM?
Podes contactar coas coordinadoras a través dos seguintes correos electrónicos:
- Comunicación e Diversión: comunicacion@cuacfm.org
- Acreditacións (dependente de Comunicación): acreditaciones@cuacfm.org
- Contidos: contidos@cuacfm.org
- Tecnoloxía, Informática e Loxística (TIL): tecnologia@cuacfm.org
- Organización, Administración e Estratexia (ODA): oda@cuacfm.org
- Finanzas (dependente de ODA): promocion@cuacfm.org
- Formación: formacion@cuacfm.org
- Temas relacionados exclusivamente coa páxina web: webmaster@cuacfm.org
Se non sabes a que coordinadora debes dirixirte, faino á de Comunicación.
Cotas de socio/a e de programa
Como e onde pago as miñas cotas de socio/a ou de programa?
Podes facer o ingreso das túas cotas de dúas formas:
- Por PayPal
- Por transferencia bancaria ou ingreso
Lembra sempre indicar claramente o concepto do ingreso, especificando o que estás a depositar. Se esqueces facelo ou consideras que non quedou claro, envía inmediatamente un correo a promocion@cuacfm.org.
Cal é o importe da cota individual de socio/a e como me podo dar de alta?
O importe da cota depende da túa situación laboral.
Se estás a traballar
A cota é de 2 € ao mes, abonados nun ou dous pagamentos anuais:
- Primeiro prazo: Ata o 31 de marzo.
- Segundo prazo: Do 1 de xullo ao 30 de setembro.
Neste caso serían 2 pagamentos de 12 €.
Se entras na asociación co ano empezado, debes multiplicar por 2 o número de meses que faltan ata final de ano. O primeiro mes que debes pagar será o mes no que comeces a formación. Exemplo: Se comezas en maio, son 8 meses x 2 € = 16€.
Se es estudante, estás no paro ou xa estás xubilado/a
A cota é de 1 € ao mes, aplicando as mesmas condicións anteriores en canto aos prazos de pagamento e ao cálculo proporcional no caso de entrar durante o ano.
Veu unha nova persoa ao meu programa facer unha pequena sección. Ten que ser socio/a?
Está estipulado que calquera persoa que participe en máis da metade dos programas durante un trimestre debe asociarse a CUAC FM.
Envía un correo a comunicacion@cuacfm.org especificando o seu nome completo, teléfono e correo electrónico. Nós encargarémonos de facer os trámites necesarios para que se incorpore e reciba a formación correspondente.
Se deixo de emitir durante un tempo, debo seguir pagando a miña cota individual?
Si. A cota considérase anual, polo que debes abonala durante todo o ano natural aínda que non esteas emitindo temporalmente. Se deixas de pagar algún período do ano, perderás a antigüidade acumulada, o que influirá negativamente á hora de escoller horario cando volvas emitir.
Quero darme de baixa da asociación. Como o fago?
Para solicitar a baixa debes enviar un correo electrónico a comunicacion@cuacfm.org, con copia a promocion@cuacfm.org.
No correo debes indicar claramente:
- O teu nome completo.
- O correo electrónico que queres que demos de baixa da lista de correo da asociación (se prefires seguir recibindo información, podes indicar que queres permanecer na lista).
- Se desexas que se che devolvan os meses xa pagados por adiantado e nos que non vas estar como socio/a, indica tamén o teu número de conta bancaria.
Mecenado
Creo que podo conseguir un ou dous mecenas para o meu programa, pero pídenme documentación. A quen me dirixo?
Tes información detallada sobre o mecenado de programas aquí. Se necesitas máis información ou documentación adicional, escribe a promocion@cuacfm.org.
O meu mecenas solicítame unha factura. A quen llela pido?
Debes solicitala directamente ao correo electrónico: promocion@cuacfm.org.
Emisión
Teño unha dúbida técnica. A quen me dirixo?
Se a dúbida ten que ver con algo que aprendiches na formación inicial, consulta primeiro os videotitoriais de Cuac FM, onde explicamos paso a paso como funciona todo. Se aínda así segues sen resolver a túa dúbida, escribe a formacion@cuacfm.org.
Para calquera outra cuestión técnica ou problema relacionado coa emisión, contacta con tecnologia@cuacfm.org.
Gustaríame cambiar ou mellorar a miña hora de programa. Como fago?
Envía a túa solicitude a contidos@cuacfm.org indicando claramente cal é a túa petición.
Que pasa se un día non podo facer o meu programa? A quen aviso? Ese día págase igual?
Debes avisar canto antes por correo electrónico a contidos@cuacfm.org e tamén comunicarllo por teléfono (ou outro medio asegurando que reciben o aviso) ao programa anterior e ao posterior ao teu.
Lembra que faltar ao teu programa afecta negativamente a Cuac FM, á audiencia e ao resto dos compañeiros, xa que quedará baleira a túa hora e a redifusión correspondente. Por iso, recomendámosche ter sempre preparado un programa gravado previamente para estas situacións. Se non sabes como facelo, fórmate no uso do Estudo de Gravación Alexandre Bóveda escribindo a formacion@cuacfm.org.
O Regulamento de Réxime Interno estipula que as faltas inxustificadas supoñen unha falta leve. A reiteración de faltas pode levar á suspensión, salvo xustificación adecuada.
E si, a hora reservada págase igual aínda que non emitas ese día.
Os días festivos hai emisión?
Os días festivos podes escoller emitir ou non. Se decides emitir e non tes chave propia para abrir ou pechar, comproba cos programas anteriores e posteriores ao teu se emitirán. Se necesitas chave, avisa con suficiente antelación a tecnologia@cuacfm.org para organizar a súa entrega.
Quero propoñer un programa monográfico especial fóra do meu horario habitual.
Debes solicitalo cun mínimo dun mes de antelación enviando un correo a contidos@cuacfm.org. Se consideras que o monográfico pode ter carácter comunitario (é dicir, de interese social e aberto a calquera membro de CUAC que queira participar), indícao claramente para que desde Contidos valoren esta opción. Os programas comunitarios non teñen custo económico ningún para as persoas que colaboran.
Infraestrutura e prestacións
Se necesito chaves da emisora, a quen me dirixo?
Debes escribir a tecnologia@cuacfm.org.
Necesito unha gravadora para algo relacionado co meu programa. Como a solicito?
Envía a túa solicitude a tecnologia@cuacfm.org. Lembra cubrir sempre a folla de control de retirada e devolución, verificar o estado das pilas antes de utilizala e devolvela o antes posible, por se a precisase outra persoa.
Como podo reservar o estudo de gravación?
Para utilizar a mesa do estudo de gravación precisas unha formación específica previa. Solicítaa escribindo a formacion@cuacfm.org.
Unha vez que recibas esta formación, consulta o calendario de reservas aquí para escoller unha hora libre. Despois, confirma a reserva enviando un correo electrónico a tecnologia@cuacfm.org indicando:
- Nome do programa
- Data, hora e duración da gravación
Se utilizas frecuentemente o estudo, podes pedir acceso directo ao calendario de reservas a Tecnoloxía.
Preciso unha acreditación para asistir a un evento (concerto, teatro, rolda de prensa...). A quen escribo?
Solicítao escribindo a acreditaciones@cuacfm.org (dependente de Comunicación). Se non recibes resposta, contacta con comunicacion@cuacfm.org.
Quero facer un podcast do meu programa e subilo á canle de CUAC en Ivoox. Como o fago?
RadioCo, a nova aplicación tecnolóxica de CUAC, facilitará moito esta tarefa. Mentres non estea operativa, consulta este videotitorial.
Para que se pode utilizar o local da rúa Olmos?
Actualmente está en elaboración un regulamento específico para este local, compartido coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda. É importante ser moi coidadosos coas chaves e as actividades realizadas nel.
Este espazo poderá usarse principalmente para:
- Realización de entrevistas (contará cunha gravadora dispoñible permanentemente).
- Actividades xerais da asociación, non vinculadas a programas individuais.
- Formación dos Módulos 1 e 2, Audacity e sesións tecnolóxicas (haberá unha TV dispoñible para visualizar contidos do ordenador).
Vida asociativa
A que coordinadora podo propoñer unha actividade fóra da emisora?
Se a actividade é de ocio, cultura ou diversión, contacta con comunicacion@cuacfm.org.
Se é unha actividade académica ou institucional, escribe a oda@cuacfm.org.
Quero colaborar con CUAC no meu tempo libre, pero non sei con que coordinadora facelo.
Envía un correo electrónico a comunicacion@cuacfm.org indicando o teu número de teléfono e a hora que prefires que che chamemos para informarte.
Preciso resolver en persoa algunhas dúbidas sobre a asociación. Con quen contacto?
Podes chamar ao teléfono de atención: 981 14 00 45. Ademais, 10D10 ofrece atención presencial unha vez por semana no local do centro (rúa Olmos 16-18, 1º), os martes de 11:00 a 13:30 horas (é recomendable chamar previamente para confirmar a dispoñibilidade). Calquera novidade neste sentido anunciarase nesta sección.
Temos problemas de convivencia con persoas doutro programa ou cunha coordinadora. A quen debo dirixirme?
Trátase dun tema importante que debemos coñecer e resolver o antes posible. Escribe a oda@cuacfm.org para concertar rapidamente unha reunión presencial, xa que este é o mellor método para solucionar estes conflitos.
Se o problema é coa propia ODA, escribe directamente a comunicacion@cuacfm.org.
Quero presentar unha candidatura ás eleccións de CUAC. Como o fago?
Debes contactar con oda@cuacfm.org, onde che explicarán o procedemento a seguir. Para máis información, podes consultar os Estatutos de CUAC.
Teño unha idea xenial para a asociación, pero non sei a quen enviala.
- Para accións promocionais: comunicacion@cuacfm.org
- Se é algo que poida xerar ingresos: oda@cuacfm.org
- Para cuestións relacionadas coas instalacións ou equipos: tecnologia@cuacfm.org
- Se é unha proposta dunha cuña para gravar: contidos@cuacfm.org
- Se é unha suxestión para mellorar a formación: formacion@cuacfm.org